Novas restriccions Covid19 (Resumen)

DECRETO 8/2021, do 26 de xaneiro, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

A eficacia das medidas previstas neste decreto comezará ás 00.00 horas do día 27 de xaneiro de 2021 e terminará ás 00.00 horas do día 17 de febreiro de 2021.

Quedan restrinxidas a entrada e a saída de persoas do ámbito territorial de cada un dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia considerados individualmente, excepto os desprazamentos xustificados.

No territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como ao aire libre, e en espazos de uso privado quedará condicionada aos constituídos exclusivamente por persoas conviventes.

Limitación da mobilidade nocturan durante o período comprendido entre as 22.00 e as 6.00 horas.

ORDE do 26 de xaneiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

As forzas e corpos de seguridade darán traslado das denuncias que formulen, polo incumprimento das medidas de prevención, ás autoridades competentes.

As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día 27 de xaneiro de 2021, e estenderán a súa eficacia ata o 17 de febreiro de 2021.

Deberá cumprirse a medida de mantemento da distancia de seguridade interpersoal establecida polo Real Decreto Lei 21/2020, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, de polo menos, 1’5 metros.

A obriga de uso de máscara será exixible en todo momento, incluso durante a realización da práctica deportiva individual ao aire libre.

No caso particular de consumo de tabaco ou de cigarros electrónicos, ou alimentos e bebidas, na vía pública ou en espazos ao aire libre, só se poderá exceptuar a obriga de uso de máscara, e exclusivamente durante o indicado consumo, sempre que a persoa o efectúe parada e fóra dos lugares habituais de circulación dos viandantes.

As persoas que sexan consideradas caso sospeitoso ou probable de infección polo virus SARS-CoV-2, por teren infección respiratoria aguda grave con cadro clínico ou radiolóxico compatible co COVID-19, ou que estean pendentes dos resultados de probas diagnósticas, deberán seguir as condicións de illamento ou corentena que lles sexan indicadas, sen poder abandonar o seu domicilio ou lugar de illamento ou corentena en ningún caso.

Os establecementos, instalacións e locais deberán expor ao público a capacidade máxima, que deberá incluír os propios traballadores e asegurar que a dita capacidade e a distancia de seguridade interpersoal se respecta no seu interior, polo que se deberán establecer procedementos que permitan o reconto e control da capacidade, de forma que esta non sexa superada en ningún momento.

Os establecementos e locais comerciais retallistas e de actividades de servizos profesionais abertos ao público que non formen parte de centros ou parques comerciais non poderán superar o cincuenta por cento da súa capacidade total.

Os establecementos e locais comerciais retallistas abertos ao público pecharán ás 18.00 horas. Exceptúanse do disposto no punto anterior as seguintes actividades comerciais, que poderán pechar ás 21.30 horas: Comercio polo miúdo de produtos alimenticios, bebidas e tabaco, froitas e hortalizas, carne e produtos cárnicos, peixes e mariscos, pan e produtos de panadería, confeitaría e pastelaría, combustible para a automoción, artigos médicos e ortopédicos, produtos farmacéuticos, alimentos para animais de compañía.

A actividade que se realice en academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado e centros de formación non incluídos no ámbito de aplicación do artigo 9 do Real Decreto Lei 21/2020, de 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, inscritos no correspondente rexistro, poderá impartirse dun modo presencial sempre que non se supere unha capacidade do cincuenta por cento respecto do máximo permitido. O uso de máscara será obrigatorio.
No caso de utilización de vehículos será obrigatorio o uso de máscara tanto polo persoal docente como polo alumnado ou o resto de ocupantes do vehículo.

Os parques infantís, parques biosaudables, zonas deportivas, pistas skate ou espazos de uso público ao aire libre similares poderán estar abertos ao público sempre que neles se respecte unha capacidade máxima estimada dunha persoa por cada catro metros cadrados de espazo computable de superficie do recinto.

Nas lonxas deberán establecerse as medidas necesarias para manter a distancia de seguridade interpersoal ou, na súa falta, a utilización de medidas alternativas de protección física. O uso de máscara será obrigatorio.

Transporte. Está permitido o desprazamento nun vehículo particular de persoas non conviventes que traballen xuntas e só para o traxecto de ida e volta ao centro de traballo, así como para que os menores poidan acudir a centros de ensino. Nestes casos, só se permitirán dúas persoas por fila de asentos, e deberán usar todas máscara.
No caso de taxis, non poderá utilizarse o asento dianteiro, e non poderán desprazarse nun mesmo vehículo persoas que non sexan conviventes. O uso de máscara é obrigatorio.

Adóptase a medida de peche temporal, das seguintes actividades (entre outros):
Cines.Teatros. Auditorios. Establecementos de actividades recreativas. Establecementos de xogo. Salóns de xogo. Pavillóns deportivos. Recintos deportivos. Ximnasios. Piscinas recreativas de uso colectivo. Bibliotecas. Restaurantes. Salóns de banquetes. Cafetarías. Bares. Salas de festas. Discotecas. Pubs. Cafés-espectáculo. Centros de lecer infantil.

Os establecementos de hostalaría e restauración (bares, cafetarías, restaurantes) permanecerán pechados ao público e poderán prestar exclusivamente servizos de entrega a domicilio ou para a súa recollida no local e consumo a domicilio. O servizo de entrega a domicilio poderá realizarse ata as 24.00 horas. A permanencia nestes establecementos deberá ser a estritamente necesaria. En todo caso, evitaranse aglomeracións e controlarase que consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade establecida co fin de evitar posibles contaxios.

Suspéndese a actividade ao público dos centros sociais, sociocomunitarios, clubs de xubilados e centros de natureza análoga. Permanecerán abertos, en todo caso, os centros de día de maiores e persoas con discapacidade e os ocupacionais, así como as casas do maior.