Nivel de Máximas Restriccions

Onte saíu publicada no DOGA a orde da consellería de sanidade e o decreto que varía a situación do Concello de Cedeira pasando ao nivel de máximas restricións, con eficacia desde o xoves 21 de xaneiro. A grandes rasgos esta nova modificación modifica a situación na que xa estabamos en varios aspectos:

  • Mobilidade: só poderemos desprazarnos polo noso concello salvo nas excepcións marcadas na norma (traballo, retorno de estudantes ao fogar familiar, servizos esenciais, coidado de persoas, alimentación e coidado de animais…).
  • Hostelería e restauración: o horario de peche mantense nas 18.00 h. pero só poderán atender en terraza cunha ocupación máxima do 50%. O servizo a domicilio mantense ata as 00.00 h. e de recollida no local ata o límite do toque de queda, 22.00 h.
  • Centros de ocio infantil: permanecerán pechados.

No resto de situacións mantéñense as que xa tiñamos:

  • Reunión: Limítanse os grupos para o desenvolvemento de calquera actividade ou evento de carácter familiar ou social na vía pública, espazos de uso público ou espazos privados, a un máximo de catro persoas, excepto no caso de persoas conviventes en que non se aplicará esta limitación.
  • Actividades deportivas (federadas de carácter autonómico e non federadas), e actividades socio-culturais: grupos de máximo 4 persoas + monitor.
  • Comercio: peche as 21.30 h. con ocupación máxima do 50 %

Cedeira queda pechada perimetralmente. Non se permiten os desprazamentos de entrada ou saida do municipio, agás:

a) Asistencia a centros, servizos e establecementos sanitarios.
b) Cumprimento de obrigas laborais, profesionais, empresariais, institucionais, sindicais e de representación de traballadores ou legais.
c) Asistencia a centros universitarios, docentes e educativos, incluídas as escolas de educación infantil.
d) Retorno ao lugar de residencia habitual ou familiar.
e) Asistencia e coidado, incluído o acompañamento, a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables.
f) Desprazamento a entidades financeiras e de seguros ou estacións de servizo en territorios limítrofes.
g) Actuacións requiridas ou urxentes ante os órganos públicos, xudiciais ou notariais.
h) Renovacións de permisos e documentación oficial, así como outros trámites administrativos inaprazables.
i) Realización de exames ou probas oficiais inaprazables.
j) Coidado de hortas e animais.
k) Asistencia a academias de idiomas, clases de reforzo educativo de materias incluídas nos plans de estudos da educación regrada, conservatorios e escolas de música, ou para a preparación de procesos selectivos en academias ou centros de formación.
l) Por causa de forza maior ou situación de necesidade.
m) Calquera outra actividade de análoga natureza, debidamente acreditada».